Sábado, 19 Outubro de 2019

O Programa "Mugardos Camiña" regresa este domingo cunha ruta polo curso dos ríos do Municipio

/ Xoves, 10/10/2019 - 15:13
Concello de Mugardos - http://www.concellodemugardos.gal/
As persoas interesadas en participar en todos ou algún dos nove percorridos que se farán de outubro a xuño teñen que inscribirse na OMIX.

O Concello de Mugardos retoma este domingo o programa “Mugardos Camiña”, que organiza en colaboración coa Asociación de Veciños de Montefaro. A iniciativa promove andainas un domingo ao mes de outubro a xuño, polo propio municipio ou a súa contorna, sempre cun baixo grao de dificultade para que estean ao alcance da maioría. A concelleira de Cultura, Lola González, destacou que é unha actividade cunha gran acollida, á que acoden tamén veciños e veciñas doutros municipios, que promove a vida saudable, as relacións sociais e o coñecemento do patrimonio natural.

As andainas que se van desenvolver neste último trimestre do ano van todas polo propio concello de Mugardos. A primeira, este domingo 13 de outubro, leva por nome “Ruta da auga” e discorrerá en parte xunto ao curso das augas dos ríos do municipio, o Esteiro e o Río Seco.

As persoas interesadas en participar no programa teñen que inscribirse na OMIX, presencialmente de 09.00 a 14.00 horas, ou ben chamando por teléfono -981 479 338, extensión 1- ou enviando un correo electrónico a deportes@concellodemugardos.gal. Para matricularse haberá que pagar 15 euros, cos que o Concello faise cargo, entre outras cousas, do seguro.

1582