Mércores, 20 Novembro de 2019

Últimos días para presentar obras ao certame de pintura Bello Piñeiro

/ Luns, 14/10/2019 - 14:42
Concello de Mugardos - http://www.concellodemugardos.gal/

Os e as artistas teñen que levar as súas obras ao Departamento de Cultura do Concello antes do vindeiro venres ás 14.00 horas.

O Concello de Mugardos recorda que o vindeiro venres, día 18, remata o prazo de presentación de obras para o XXIX Concurso de Pintura Bello Piñeiro, o máis senlleiro certame artístico da vila. A concelleira de Cultura, Lola González, subliña que un ano máis o premio se celebra separadamente do Piñeiro Pose para darlles maior protagonismo a cada un deles.

O certame Bello Piñeiro vai dirixido a artistas que teñan como mínimo os 18 anos cumpridos no momento da inscripción. As obras terán un tamaño máximo de 150x150 centímetros, a técnica libre e o tema é “A nosa terra”, a súa paisaxe, contorna e tradición, pasado, presente e futuro. Cada persoa pode presentar unha única obra orixinal, non premiada con anterioridade en ningún outro certame.

Haberá un único premio de 1.800 euros e dous accésits que recibirán galardón non metálico e un premio ao mellor pintor ou pintora local dotado con 400 euros. As obras presentadas participarán dunha exposición que se inaugurará no Local Social de Maiores de Mugardos o día 31 de outubro, ás 20.00 horas. Nese mesmo acto entregaranse os premios.

A presentación das obras farase no Departamento de Cultura do Concello, en horario de luns a venres de 09.00 a 14.00 horas.