Venres, 15 Novembro de 2019

Charlas da activista A. Tiganus contra a violencia sexual

/ Luns, 21/10/2019 - 15:04
Concello de Mugardos - http://www.concellodemugardos.gal/

A coñecida activista feminista Amelia Tiganus (Rumanía, 1984) estará o luns e o martes próximos en Mugardos, para ofrecer unha charla ao público en xeral e outra a alumnos e alumnas dos últimos cursos do IES. 

Baixo o título “Entre a prostitución e a pornografía, como vivir unha vida libre de violencia sexual?”, a relatora falará desde o punto de vista dunha muller que sobreviviu a unha rede de trata de blancas e que agora loita pola erradicación do que chama “o sistema prostitucional” desde o feminismo.

Amelia Tiganus sufriu unha primeira violación con 13 anos, tras a que foi captada no seu país por unha rede de trata de blancas e permaneceu durante cinco anos prisioneira dela, indo de prostíbulo en prostíbulo en España, ata que conseguiu liberarse. Desde entón traballa como formadora pola igualdade, unha meta que necesariamente abrangue a desaparición da prostitución.

O Casino Mugardés acollerá a primeira charla o luns 28 de outubro, aberta ao público en xeral, ás 19.30 horas. O martes, Tiganus estará no IES Mugardos para falar aos alumnos e alumnas de últimos cursos, ás 16.20 horas.

A actividade foi organizada pola Concellería de Benestar Social e Igualdade do Concello de Mugardos, no marco do programa do Goberno para a Axenda 2030 para o Desenvolvemento Sostible, que inclúe a erradicación de todas as formas de violencia e discriminación contra as nenas.

1588