Xoves, 12 Decembro de 2019

O Concello aproba a resolución provisional do programa de axudas para a compra de agasallos de Nadal

/ Xoves, 24/10/2019 - 14:28
Concello de Mugardos - http://www.concellodemugardos.gal/

A falta de resolver as alegacións, o programa repartiu 1.900 euros en vales para mercar xoguetes e outros obsequios a nenos e nenas menores de 13 anos.

A Comisión de Valoración de Xogutes do Concello de Mugardos vén de resolver de xeito provisional a convocatoria de axudas para a compra de agasallos de Nadal. A falta de que se peche o prazo de alegacións, que podería variar a cifra final, de momento o Concello concedeu 38 axudas por un valor total de 1.900 euros. Segundo informou o concelleiro Genaro Prieto, a partida reservada a este programa é de 3.500 euros e garante que ningunha familia que cumpra os requisitos quede sen resposta positiva.

É unha convocatoria que vai dirixida ás familias con menos recursos económicos do municipio e que están dotadas, segundo o número de fillos/as menores de 13 anos, con entre 50 e 240 euros por unidade de convivencia. En prazo presentáronse solicitudes para a concesión de 66 axudas, porén a 18 delas faltáballes documentación, que poderán completar no periodo de alegacións, e outras 10 teñen proposta de denegación por nos cumprir os requisitos.

Para recibir unha das axudas é preciso estar empadroado/a no Concello de Mugardos e ter en custodia un ou máis menores de 13 anos –que non os teñan cumprido o 6 de xaneiro de 2020-, así como que a renda per cápita familiar non supere o 80% do IPREM.

O programa serve tamén para dinamizar o comercio local, xa que os vales da axuda teñen que seren gastados necesariamente nalgún dos establecementos que se adheriron ao mesmo: Sermuga XXI, Marvi, Kiosko Loli, Cadena 100-Globocientos ou establecementos La Barca.