Venres, 15 Novembro de 2019

O Concello saca a licitación a rehabilitación da vivenda municipal para aluguer social

/ Martes, 29/10/2019 - 15:04
Concello de Mugardos - http://www.concellodemugardos.gal/

A actuación ten un orzamento de 82.149,29 euros, e o goberno local ten xestionadas unhas axudas da Xunta que alcanzan os 40.000 euros.

A alcaldesa de Mugardos, Pilar Díaz, informou de que o Concello vén de publicar o proceso de licitación das obras de rehabilitación da casa de titularidade municipal que vai a se converter na primeira vivenda de aluguer social da vila. Trátase dunha das chamadas “Casas Baratas”, concretamente a situada no número 11 da rúa Ferrol, cuxa reforma sae a concurso polo procedemente aberto simplificado e cun orzamento de 82.149,29€, IVE incluído.

Pilar Díaz lembrou que o goberno local xestionou unha axuda de 40.000 euros da Xunta de Galicia, á que se suma a partida municipal correspondente e xa consignada. A vivenda sitúase nunha parcela de 149 metros cadrados e ten 84 construídos, en planta baixa e unha altura. A casa conta con tres dormitorios, cociña, un baño e unha sala, e a intervención consistirá na renovación dos acabados, a sustitución da actual cuberta e a mellora do illamento, entre outras obras.

A alcaldesa destacou que Mugardos se dotará por primeira vez deste recurso, co que o Concello vai facilitar o acceso á vivenda a colectivos desfavorecidos. O aluguer social será para persoas e unidades de convivencia que acrediten ingresos inferiores a 2,5 veces o IPREM e cunha necesidade urxente de vivenda.

Así, o goberno ten previsto redactar a ordenanza municipal que servirá para regular a xestión e adxudicación da casa desde os Servizos de Benestar Social do Concello, para que estea lista cando rematen as obras.