Venres, 15 Novembro de 2019

Pilar Díaz inaugurou en Franza unha nova edición dos obradoiros de emprego "Reinicia VI"

/ Xoves, 31/10/2019 - 15:36
Concello de Mugardos - http://www.concellodemugardos.gal/

Mugardos lidera un ano máis a iniciativa de cinco concellos para facilitar, co apoio da Xunta, a integración laboral de persoas en desemprego.

A alcaldesa de Mugardos, Pilar Díaz, participou esta mañá na inauguración de dous obradoiros de emprego do programa Reinicia VI, que promoven este Concello e os de Ares, Fene, Cabanas e Neda, co apoio da Xunta, para facilitar a integración laboral de persoas en desemprego. O Centro de Formación Francisco Vizoso, en Franza, onde se desenvolveu o acto, vai acoller as actividades da especialidade de “Atención Sociosanitaria de Persoas no Domicilio”, mentres que un taller do Concello de Fene albergará o de “Traballos de Carpintería e Moble”.

Pilar Díaz deu a benvida no nome do Concello de Mugardos, que lidera o programa supramunicipal, ás vinte persoas que participan nos cursos, dez en cada un deles, e desexoulles que estes lles sirvan para atopar un emprego ao rematar. Desde o 28 de outubro ata o 27 de xullo as persoas participantes serán alumnos e traballadores, todas elas con contratos en formación que durante nove meses as prepararán para saír ao mercado laboral con éxito.

As vinte persoas que participan nesta nova edición do programa, e que estaban en situación de desemprego, obterán un certificado de profesionalidade ao remate. Os obradoiros contan cunha importante compoñente práctica, que se desenvolve nas instalacións e servizos dos concellos participantes.

Xunto coa alcaldesa de Mugardos, participaron no acto o delegado territorial da Xunta, Ovidio Rodeiro; o alcalde de Neda, Ángel Vilariño; o de Fene, Gumersindo Galego, e outros representantes dos concellos implicados, así como o profesorado e o alumnado do programa.