Venres, 15 Novembro de 2019

Caldoval amplía de novo aos xoves os días de apertura para grupos escolares

/ Luns, 04/11/2019 - 15:15
Concello de Mugardos - http://www.concellodemugardos.gal/

O Centro de Interpretación ten reservados a estas alturas gran parte dos venres de aquí ao final do presente curso.

O Centro de Interpretación de Caldoval ten a estas alturas pechadas visitas de grupos escolares para a práctica totalidade dos venres ata final de ano, e conta tamén cunha docena de reservas máis de xaneiro a xuño. Así, a afluencia leva un ano máis, segundo informou a concelleira de Cultura, Lola González, a ampliar o horario e abrir aos colexios a posibilidade de reservar visitas os xoves.

No que levamos de curso 2019/2020 xa pasaron polo Centro de Interpretación de Caldoval numerosos colexios de Ferrol, Narón, Fene e outros municipios da comarca. Xunto con grupos de centros educativos de Ferrolterra, para os vindeiros meses reservaron tamén visitas o IES As Mariñas de Betanzos e o CEIP Milladoiro de Malpica de Bergantiños. Caldoval consolídase como así como un referente didáctico para achegarse ao mundo romano e á pegada que deixou en Galicia, destacou Lola González.

Para as visitas escolares, o Centro de Interpretación ten deseñado unha ampla oferta de obradoiros, axeitados para as idades dos alumnos e alumnas en cada caso, nos que os nenos e nenas descobren un pouco máis de como era a vida en Roma a través de actividades. Hai obradoiros de pintura, de elaboración de mosaicos, xoiería, perfumes, cociña e mesmo os “ludi” dos romanos, os seus xogos e actividades para se manter en forma. Os grupos poden tamén optar por participar na búsqueda do “tesouro” de Caldoval, outra actividade deseñada no centro para facer da visita algo lúdico e divertido.

O Centro de Interpretación de Caldoval está aberto os venres, sábados e domingos, de 10.30 a 14.00 horas e de 16.30 a 20.00 horas. A entrada é gratuíta e as persoas intersadas poden participar nas visitas guiadas que se desenvolven ás 10.30, 12.30, 16.30 e 18.30 horas, así como realizar de forma libre “As XII probas de Caldoval”, un xogo de pistas pensado tanto para grupos como para familias. Tamén para as familias e para o público en xeral organízanse talleres os sábados e domingos, ás 11.30 e ás 17.30 horas.

A participación nos obradoiros e nas visitas guiadas é tamén gratuíta, aínda que é preciso reservar praza chamando ao 687 072 116.