Xoves, 12 Decembro de 2019

O programa para a compra de agasallos de Nadal reparte máis de 2.400 euros a 50 familias de Mugardos

/ Luns, 11/11/2019 - 15:13
Concello de Mugardos - http://www.concellodemugardos.gal/

Todas as familias solicitantes que cumpriron os requisitos recibiron resposta positiva.

A Comisión avaliadora do programa de axudas para agasallos de Nadal do Concello de Mugardos aprobou a relación definitiva de beneficiarios, despois de resolver as alegacións e subsanacións. Así, finalmente se repartirán 2.450 euros entre 50 axudas a familias da vila, que poderán mercar xoguetes e outros obsequios para agasallar aos fillos e fillas menores de 13 anos nas próximas festas.

A convocatoria vai dirixida ás familias con menos recursos económicos do municipio e as axudas están dotadas, segundo o número de fillos/as menores de 13 anos, con entre 50 e 240 euros por unidade de convivencia. Para recibir unha das axudas é preciso estar empadroado/a no Concello de Mugardos e ter en custodia un ou máis menores de 13 anos –que non os teñan cumprido o 6 de xaneiro de 2020-, así como que a renda per cápita familiar non supere o 80% do IPREM. O Concello reserva cada ano unha partida de 3.500 euros que non chega habitualmente a agotarse e que garante que todas as familias que cumpran os requisitos conten coa subvención.

O programa serve tamén para dinamizar o comercio local, xa que os vales da axuda teñen que seren gastados necesariamente nalgún dos establecementos que se adheriron ao mesmo: Sermuga XXI, Marvi, Kiosko Loli, Cadena 100-Globocientos ou establecementos La Barca.