Mércores, 11 Decembro de 2019

A Xornada do Proxecto Esmelle falará, este sábado, da Mugardos Romana

/ Xoves, 14/11/2019 - 15:20
Concello de Mugardos - http://www.concellodemugardos.gal/

A concelleira Lola González e unha técnica de Caldoval participarán no programa.

Mugardos e a súa herdanza romana estarán presentes este sábado na xornada que celebra o Proxecto Esmelle, unha referencia na recuperación do patrimonio etnográfico. A asociación veciñal organiza a XV edición da súa xornada sobre patrimonio, que se vai desenvolver ao longo da mañá na biblioteca “Germán Castro”, e que pecharán a concelleira de Cultura, Lola González, e a técnica de Turismo e monitora do Centro de Interpretación Caldoval Vero Montero, cunha charla na que falarán da presenza romana na vila e da experiencia de musealización dos restos de Caldoval.

Durante a charla, comentou Lola González, haberá ocasión de expor dos novos datos existentes sobre Caldoval e os restos romanos en Mugardos, atopados principalmente no entorno da enseada de Santa Lucía. Tal como se explicou na última Xornada sobre Mugardos Romana, que acolleu o Centro de Interpretación de Caldoval no pasado mes de outubro, os estudos máis recentes apuntan a que na zona existiu un enclave romano de certa importancia, ligado tanto a vías de comunicación terrestres como marítimas. Unha das hipóteses é que podería tratarse da Adóbrica citada por Pomponio Mela. As investigacións apuntan tamén a que os restos de Caldoval poderían corresponder a unhas termas de uso público, aínda que de propiedade privada, e non a unhas dependencias dunha vila pertenecente a un gran propietario e que serían do seu uso exclusivo, como se pensara en principio.