Mércores, 11 Decembro de 2019

A Comunidade O Zulo organiza co apoio do Concello de Mugardos a primeira xornada de cociña libre

/ Martes, 19/11/2019 - 14:08
Concello de Mugardos - http://www.concellodemugardos.gal/

A entidade promove un evento “tecnogastronómico” no que se empregará o software libre para dar a coñecer os produtos de proximidade e as receitas para preparalos.

O Concello de Mugardos vén de asinar un convenio de colaboración coa Comunicade de Software Libre O Zulo por valor de 1.500 euros. Os fondos servirán, entre outras cousas, para financiar a I Xornada de Cociña Libre que a entidade organiza para o vindeiro día 30 de novembro e que se configura como un evento único que vai xuntar tecnoloxía e gastronomía. Segundo explicou a concelleira Lola González, a actividade vai servir para difundir nas redes a calidade da gastronomía local e tamén para ter un lugar de software compartido no que envorcar as receitas e coñecementos ligados á cociña tradicional.

A I Xornada de Cociña Libre defínese como un evento “tecnogastronómico. Os seus obxectivos son fomentar a gastronomía local e o produto de proximidade, achegar a cociña as novas tecnoloxías e o software libre e ampliar o abano de actividades realizadas pola asociación O Zulo, que presenta a proposta tamén como unha oportunidade para atraer un público máis amplo e heteroxéneo.

O programa da xornada pode consultarse na web https://www.comunidadeozulo.org na que tamén hoxe colgarase o formulario de inscrición, gratuíta para as persoas interesadas aínda que con prazas limitadas. A actividade desenvolverase no Centro Sociocultural “Casas Baratas”, o sábado 30, a partir das nove da mañá.

As persoas participantes crearán grupos de traballo que arredor das 10.15 horas irán ao mercado municipal de San Telmo para facer a compra e tamén entrevistar ás operadoras dos postos. Á volta, os grupos traballarán na documentación, dixitalización e publicación das receitas e entrevistas recollidas. Cociñeiros profesionais ocuparanse, ao memos tempo, de preparar os diferentes pratos. A partir das 15.00 horas está previsto o xantar e a clausura terá lugar arredor das 18.00 horas.

A Comunidade O Zulo quere, a través desta iniciativa, compartir as receitas da gastronomía mugardesa a través dun sistema wiki –un espazo en internet que pode ser editado por moitos usuarios-, no que o polbo, o produto estrela de Mugardos, ocupará un espazo destacado.

O convenio asinado co Concello de Mugardos servirá tamén para financiar outra xornada de Software e Cultura libre que a entidade ten previsto celebrar no vindeiro mes de decembro.