Domingo, 8 Decembro de 2019

Mugardos en Negro contra as Violencias

/ Martes, 19/11/2019 - 12:00
Concello de Mugardos - http://www.concellodemugardos.gal/

Un ano máis, Mugardos adhírese a esta campaña de sensibilización da cidadanía contra as violencias machistas implicando a diversos sectores da sociedade

"En negro contra as violencias" é unha acción colectiva de sensibilización social contra as violencias machistas que xorde no 2015 en Santiago de Compostela, co impulso da Administración local, e que ano tras ano foi medrando, involucrando a máis concellos, institucións e sectores, chegando a expandirse de xeito viral mesmo fóra de Galicia. Mugardos é un destes concellos.
 
Aínda que está latente durante todo ou ano, é sobre todo no mes de novembro, e no 25N –Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller–, cando a acción desprega a súa actividade de forma máis intensa.
 
Dende o seu inicio buscouse implicar o tecido económico, asociativo, educativo, deportivo, social e cultural, así como a toda a cidadanía, nunha resposta colectiva de rexeitamento das violencias de xénero e mais dos asasinatos machistas.
 
Tamén se apostou por identificar, transmitir e incidir nos comportamentos e expresións verbais que están detrás das violencias de xénero a través do uso de materiais de campaña específicos por parte da cidadanía, empresas, establecementos comerciais e axentes sociais.
 
1621

Os obxectivos

O obxectivo xeral desta campaña é desenvolver e xerar accións para a sensibilización e prevención da violencia de xénero na nosa sociedade.
 
Como obxectivos específicos están:
  • Promover actitudes e comportamentos non violentos e de rexeitamento ante todo tipo de violencia.
  • Desenvolver na sociedade a capacidade para percibir situacións de abuso ou malos tratos en todos os ámbitos sociais, incluído o laboral.
  • Sensibilizar e promover a participación das empresas na prevención da violencia cara ás mulleres.
  • Promover comportamentos positivos cara ás mulleres construíndo relacións de xénero en equidade.

Descarga de materiais

  1. Podes consultar máis información sobre a campaña nesta ligazón.
  2. Podes descargar os materiais ligados co Concello de Mugardos nesta ligazón.