Domingo, 8 Decembro de 2019

O vindeiro venres pecha o prazo de solicitude do Espazo Infantil de Xogo Nadal 2019

/ Martes, 19/11/2019 - 14:27
Concello de Mugardos - http://www.concellodemugardos.gal/es
O programa para a conciliación da vida laboral e familiar funcionará tanto no CEIP Unión Mugardesa como no colexio de Franza.

O Concello de Mugardos recorda que este venres, 22 de novembro, será o último día para presentar solicitudes para o Espazo Infantil de Xogo Nadal 2019. A proposta actívase un ano máis, dixo a alcaldesa, Pilar Díaz, para facilitar a conciliación da vida laboral, persoal e familiar durante as vacacións escolares de Nadal. Igual que nos dous últimos anos, os campamentos urbanos desenvolveranse tanto nas instalacións do CEIP Unión Mugardesa como nas do CEIP Santiago Apóstolo.

Hai 30 prazas dispoñibles no colexio de Mugardos e 15 no de Franza. En ambos os dous casos, as familias poden optar por solicitar o horario reducido, de 10.30 a 14.00 horas ou o completo, de 08.00 a 14.00 horas, así como os servizos de xantar e almorzo. Estas opcións activaranse sempre que existan un mínimo de sete solicitudes.

O Espazo Infantil de Xogo de Nadal funcionará os días 23, 24, 26, 27 e 31 de decembro, así como os días 2 e 3 de xaneiro. As actividades van dirixidas a nenos e nenas de entre 3 e 12 anos empadroados no Concello de Mugardos, aínda que no caso de quedar vacantes admitiranse tamén solicitudes de familias doutros municipios.

Os prezos do servizo están regulados pola correspondente ordenanza municipal, na que se establecen bonificacións e exencións segundo a capacidade económica das familias.