Domingo, 8 Decembro de 2019

O Concello de Mugardos súmase un ano máis á campaña “En Negro Contra as Violencias”

/ Luns, 25/11/2019 - 10:30
Concello de Mugardos - http://www.concellodemugardos.gal/

Lola González e Iván Martínez acudiron o pasado venres ao Concello de Lugo, onde tivo lugar o acto central da campaña polo 25-N.

A concelleira de Deportes e Mocedade, Lola González, e o concelleiro de Facenda, Persoal e Participación Cidadá, Iván Martínez, participaron o pasado venres día 22 en Lugo na sinatura do protocolo de colaboración na campaña “En Negro Contra as Violencias” xunto con outros 137 concellos galegos. O Concello de Mugardos asinou un ano máis o manifesto polo 25-N, a data na que se conmemora o día pola erradicación da violencia contra as mulleres, poñendo de manifesto “a máis absoluta repulsa ante todo tipo de violencias contra as mulleres, e de xeito máis enérxico, a súa consecuencia máis extrema, os asasinatos”, nun acto que tivo lugar no Centro Cultural O Vello Cárcere da cidade das murallas.
 
No protocolo asinado lémbrase que no presente ano 2019 xa houbo 51 mulleres asasinadas en España. “Sabemos que a morte é a última e máis extrema das violencias machistas, pero que son moitas máis e de moi diferentes formas as violencias que rodean e perseguen ás mulleres. Nos últimos meses atopámonos coa dobre agresión que sofren as mulleres vítimas de violacións en grupo e de sentenzas que subestiman a situación de indefensión ante os agresores. Para afrontar todas estas violencias, é preciso recoñecer as graves fendas de xénero existentes no ámbito social, económico, cultural; compre atallar as causas estruturais e sociais que sustentan estas desigualdades a través de políticas reais para a promoción da igualdade e a prevención das violencias, contemplar recursos humanos e económicos para o seu correcto desenvolvemento, no ámbito da educación, da xustiza, dos coidados... por iso, este ano, queremos precisamente incidir na prevención, facendo o chamamento de contra as violencias, educación”.
 
162516261627