Xoves, 27 Febreiro de 2020

O Nadal chega a Caldoval cargado de actividades

/ Luns, 09/12/2019 - 12:19
Concello de Mugardos - http://www.concellodemugardos.gal/

Nadal no Museo. Vive a Saturnalia Romana os sábados 21 e 28 de decembro ás 17.00 horas. Aberta a inscrición, a entrada é de balde.

O Centro de Interpretación de Caldoval celebrarán as festas do Nadal cunha batería de actividades para que grandes e pequenos coñezan e experimenten as tradicións de fin de ano da Antiga Roma de maneira máis divertida. 
 
No Centro de Interpretación celebraranse as “Saturnalia”, unha das festas máis populares na cidade eterna dedicadas ao deus Saturno. En tempos do César tiñan lugar entre o 17 e o 23 de decembro, aproveitando o fin da sementeira e dos traballos agrícolas. O último día das “Saturnalia” finalizaba coas “Sigillaria”. Nesa data o costume era regalar pequenas figuriñas de cera ou de cerámica a familiares, amigos íntimos e aos nenos e nenas. Ata existían pequenas tendas onde se podían comprar estes agasallos. É moi probable que a tradición dos agasallos de Nadal teña aquí a súa orixe e fóra adaptada posteriormente polo cristianismo.
 
Este ano en Caldoval farase un taller especial chamado "Nadal no Museo. Vive a Saturnalia  Romana". Nel os participantes poderán elaborar os seus propios agasallos de Nadal de maneira máis orixinal posible, usando técnicas de hai 2000 anos e despois levalos para a casa. Esta actividade terá lugar no Centro de Interpretación o sábado 21 e 28 de decembro ás 17.00 horas da tarde. 
 
Tamén durante todo o Nadal, dentro do horario de obradoiros do museo (ás 11.30 horas e ás  17.30 horas). Todos os visitantes que o desexen, tanto nenos/as, como adultos, poderán atreverse co xogo de pistas «As XII probas de Caldoval». Os participantes deberán resolver 12 retos diferentes para poder atopar o diñeiro roubado aos antigos propietarios da «vila» de Caldoval, Cornelio e Honoria. Quen consiga resolver os enigmas terá ademais a honra de estar á altura do mítico Hércules, quen tamén tivo que afrontar 12 traballos case imposibles.  
 
Ademais nestas festas o Centro de Interpretación abrirá de maneira extraordinaria o 26 de decembro e o 2 de xaneiro do ano novo. 
 
Todas aquelas persoas que queiran participar nas actividades, só teñen que apuntarse no teléfono 687 072 116  ou no email info@museocaldoval.gal.