A Concellería de Servizos vén de informar da apertura de 8 expedientes sancionadores nas últimas dúas semanas polo depósito irregular de enseres, ben por non ter avisado ao concello previamente , ou ben por facelo fóra das datas previstas para a realización do depósito.

O concelleiro Jorge Kuntz mostrou a súa preocupación polo risco para a saúde que supón o depósito incontrolado de enseres, especialmente durante a pandemia por coronavirus. “Estamos a ser inflexibles, porque os depósitos incontrolados ponen en perigo a saúde da veciñanza. Se estes comportamentos incívicos continúan, multiplicaremos a nosa resposta. Facemos un chamamento á colaboración cidadá e para evitar a proliferación de entullos e enseres xunto aos contedores de lixo ou en puntos de depósito ilegais”.

Desde o departamento de servizos lémbrase á veciñanza que os enseres recóllense o 1º e 3º luns de cada mes (a próxima data de recollida é o luns 18 de maio), polo que o depósito debe realizarse o domingo anterior (nunca antes) , ao carón do contedor máis cercano ao domicilio. Antes de realizar o depósito, é obrigatorio chamar ao concello para informar do lugar e dos obxectos a depositar (teléfono 981 470 338). Aquelas persoas que non respecten este procedemento, porque fagan depósitos sen avisar previamente no concello ou por que depositen obxectos en lugares non permitidos, abriráselles expediente sancionador.

Jorge Kuntz informou tamén da intención do goberno de modificar a ordenanza existente para endurecer as sancións tanto polo depósito incontrolado de enseres como do incumprimento de limpeza da maleza das leiras. Así mesmo, informou de que o equipo de goberno está a traballar en medidas que faciliten estas tarefas á veciñanza “Faremos todo o posible por facilitar a eliminación dos enseres e a limpeza das leiras, somos conscientes de que é importante encontrar un sistema que funcione, porque a seguridade e a saúde da veciñanza son o primeiro”.