O Goberno municipal lembra aos veciños e veciñas a prohibición de saír do domicilio sen causas xustificadas ou de forza maior, reiterando as advertencias incluídas no estado de alarma.

“Temos que lembrar á veciñanza que está totalmente prohibida a deambulación pola vía pública de forma inxustificada, tanto a pé como en vehículos” insistiu hoxe o Alcalde Juan Domingo de Deus, logo de que foran vistos algúns veciños paseando. E engadiu “Todos estamos desexando poder saír, e máis co bo tempo que está a facer, pero é unha cuestión de responsabilidade e de saúde pública”.

Igualmente o Concelleiro de Servizos Jorge Kuntz informou da contratación dunha empresa que procederá á desinfección das zonas da rúa que están a presentar maior afluencia de público (farmacias, tendas de alimentación, contedores). “Desde o Concello priorízanse as tarefas urxentes e de prevención, é a labor máis importante neste momento”, afirmou o concelleiro.

Medidas de seguridade para os traballadores municipais

O Concelleiro de persoal Miguel Mahía, informou así mesmo que o goberno segue a traballar no aprovisionamento de material de prevención especialmente para os traballadores do Servizo de Axuda no Fogar (SAF).

“Está sendo moi complicado acceder ao material debido ao desabastecemento, pero seguimos traballando, e hoxe mesmo remitimos unha comunicación á Delegación do Goberno en Galicia, para que desde a Administración do Estado se dote aos Concellos dos equipos de protección (EPIs) para os traballadores municipais dada a necesidade e importancia da súa labor” engadiu o responsable de persoal.